IES San Clemente. Plataforma para a formación a distancia de Bacharelato.

Asignatura: Artes escénicas I

FAQ  Quincena 01. Día 12.

A AGADIC

A axencia galega de industrias culturais (Agadic) iniciou a súa traxectoria en 2008 como axencia pública autonómica adscrita á Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. De acordo cos fins que lle atribúe a súa lei de creación (4/2008, do 23 de maio), ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego.
As súas competencias esténdense á totalidade das actividades culturais e artísticas desenvolvidas por creadores individuais e empresas, na procura dunhas industrias culturais dinámicas, competitivas e innovadoras. Neste sentido, leva a cabo diferentes liñas de traballo encamiñadas a dotar de maior estabilidade o sector, optimizar a xestión empresarial nos procesos de produción e distribución, dinamizar o mercado interior e promover a proxección exterior da cultura galega.
Destacan entre estes eixos de actuación, as convocatorias anuais de subvencións ás industrias culturais e ao audiovisual, a xestión de circuítos estables de exhibición escénica e cinematográfica (Rede Galega de Teatros e Auditorios, Rede Galega de Salas, Rede Galega de Música ao Vivo, Cultura no Camiño e Cinemas de Galicia) e as iniciativas de difusión da cultura galega fóra das nosas fronteiras, sen esquecer o labor de produción, programación e formación continua que leva a cabo a través dos seus departamentos de Produción Teatral e Produción Coreográfica (Centro Dramático Galego e Centro Coreográfico Galego) e do Centro Galego de Artes da Imaxe.
Fins:
1-Garantir o progreso da cultura galega, e nomeadamente a normalización e o impulso do idioma galego como medio para protexer e fomentar a identidade cultural de Galicia, o desenvolvemento social, o crecemento económico e o diálogo intercultural.
2-Impulsar a participación, consolidación e cooperación das empresas e profesionais na produción, creación, conservación, difusión e comercialización do patrimonio cultural galego, nun mercado dinámico, sustentable e plural que fomente a participación cidadá e remova os obstáculos que poden dificultar o acceso á cultura, especialmente dos colectivos menos favorecidos.
3-Fomentar a demanda de produtos culturais na sociedade galega co fin de promover a orientación ao mercado das empresas, mellorar a viabilidade dos seus proxectos, achegar recursos propios e aumentar o peso relativo do sector no sistema produtivo galego.
4-Potenciar os programas de investigación e desenvolvemento cultural, mellorando a calidade e diferenciación dos produtos, a axilidade no servizo prestado e a creación de valor engadido na economía dixital.
5-Estreitar a coordinación entre as administracións públicas con competencias na materia e os axentes privados para aproveitar as sinerxías, incrementar a posibilidade de financiamento e acadar unha maior calidade e eficiencia na acción cultural.
6-Favorecer a creación e produción artística e cultural das mulleres e a súa difusión, adoptando medidas de acción positiva destinadas a combater a discriminación de xénero.